domingo, 10 de abril de 2016

Entrevista investigadora

Aparece en 'Sermos Galiza' una entrevista con la investigadora Helena Domínguez García, autora de la tesis doctoral 'A construción mediática do conflito político en Galiza: o tratamento de Resistencia Galega na prensa'.
Ofrecemos un extracto:

- Na túa tese sostés que a prensa convencional actuou como unha prolongación do Estado no tratamento de RG. Como se se limitase a cumprir o papel de “instrumento propagandístico”

Así foi. Iso non significa que a prensa convencional asuma e defenda sempre todos os intereses do Estado en todos os ámbitos, mais no que toca ao 'terrorismo', é así. Hai unha liña marcada para definir e cubrir o que é considerado 'terrorismo', a liña oficial, e de aí non se afasta ninguén. A prensa convencional non aborda o tema desde criterios de xornalismo, senón que actúa de aparato propagandístico da estratexia antiterrorista do goberno.

- A que te refires cando falas dunha 'liña da que non se afasta ninguén”?

As notas de prensa do ministerio de Interior, da delegación do goberno, as filtracións da policía... non se cuestionan. Toda esa información nin sequera se contrasta, dáse por obxectiva sen máis, ofrécese como a única versión dos feitos. A prensa está, por dicilo así, “relaxada”, en canto a comprobar cousas que son básicas. Nestes casos reproduce acríticamente o que din esas instancias. E a información que facilitan non sempre é veraz, xa que forma parte dunha especie de “guerra psicolóxica”. Ademais, hai que ter en conta outras estratexias discursivas como a “extensión do terrorismo”, que é cando coa escusa de loitar contra o 'terrorismo' se estende a 'criminalización' a outros colectivos e asociacións que se afastan do discurso oficial.

O tratamento de RG desde a perspectiva do terrorismo condicionou de forma distorsionante a práctica xornalística e deu lugar a mecanismos de desinformación. Revisei as informacións publicadas por ABC ou La Voz de Galicia desde 2005 a 2014 e comprobei que os erros foron frecuentes, dende non respectar a presunción de inocencia ata informacións totalmente incorrectas e carentes de rigor. Ademais, polo xeral, as accións de violencia política non se contextualizaron, non se ofreceu unha interpretación, unha explicación que intentase albiscar o por qué do fenómeno. Deste xeito, a violencia sempre parece “irracional”. Ao tempo, coa escusa de atacar a Resistencia Galega, algúns columnistas desacreditaron outras formas e experiencias de pensar e de querer construír este país, facendo unha asociación perversa entre o terrorismo e o nacionalismo galego democrático, e nalgúns casos, mesmo a lingua.

- De feito, nunha das conclusións do traballo afirmas que “O imaxinario do terrorismo foi utilizado para criminalizar e desacreditar mediaticamente as expresións do nacionalismo galego”. Que queres dicir?

Podo poñerche un exemplo. No 2013, o Partido Popular presentou toda unha serie de mocións instando a condenar Resistencia Galega, no Parlamento de Galiza, nas Cortes españolas e despois nos diferentes concellos galegos. Deste xeito, forzou a que todos os partidos se posicionaran fronte a un texto redactado nos termos que ao PP lle interesaba. Cando as outras forzas se negaban a apoiar a moción, os políticos populares, e tamén a prensa, presentaban estes partidos como sospeitosos de apoiar o terrorismo . Isto ocorreulle especialmente aos partidos nacionalistas como o BNG e AGE, que foron insistentemente cuestionados e desacreditados por non seguir a liña oficial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario